Friday 03 de May de 2024

Boqueixón organiza “Tardes pola igualdade”, catro actividades para sensibilizar á rapazada en igualdade, tolerancia e respecto aos demais


Terán lugar todos os venres de marzo no ximnasio municipal do Forte e para participar só é preciso inscribirse en www.boqueixon.gal

O ximnasio municipal do Forte acollerá todos os venres do mes de marzo as “Tardes pola Igualdade”, unha iniciativa gratuíta organizada polo Concello de Boqueixón e o Centro de Información á Muller boqueixonés dentro das actividades relacionadas coa sensibilización en igualdade da poboación infantil e tendo en conta a celebración do 8M. Catro actividades que se realizan con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de Xénero e o Ministerio da Igualdade.

“Tardes pola igualdade” está dirixido a un público de infantil e primaria, con idades comprendidas entre os tres e os doce anos. A participación é gratuíta, previa inscrición na web municipal, ata completar aforo. As sesións terán lugar todos os venres de marzo, de 15:30 a 16:15 horas no ximnasio municipal do Forte.

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, explica que “Tardes pola Igualdade” busca “fomentar a educación en igualdade, tolerancia e respecto dun xeito lúdico, á vez que forma parte dunha campaña de sensibilización en igualdade que desde o Concello estamos apoiando co fin de promover unha sociedade progresista e igualitaria”. Catro actuacións totalmente gratuítas que serán postas en escena pola compañía Trémola Teatro.

Para participar só é preciso cubrir o formulario de inscrición dispoñible na web municipal (www.boqueixon.gal). As dúbidas poderanse consultar chamando ao Centro de Información á Muller de Boqueixón: 981 513 106 ou 981 513 061.

Programación

A programación arrinca este venres 3 de marzo con “A miña historia”, un contacontos sobre a historia de Andrea, unha periodista do século XIX que sabe todo sobre Rosalía Castro. Serás capaz de axudala para que todo o mundo se lembre dela?. O contacontos do venres 10 de marzo será “Dúas nenas moi moi valentes”, a historia de dúas nenas que, nunha festa de pixamas, descobren un libro secreto cheo de historias fascinantes con mulleres como protagonistas.

O venres 17 de marzo, Trémola Teatro representará “A fada que non sabía ser fada”, un musical que conta a historia de Adalina, unha fada á que non lle gusta cumprir as normas, que non ten ás e que non encaixa co resto das fadas. Pechará a programación “E ti, que queres ser de maior?”, no que Yoli quere ser camioneira e, a pesar de que os compañeiros lle explicaron que iso é traballo de chicos, a ela dálle igual…quere percorrer o mundo enteiro..